ACTIVIDADES DOS ACADÉMICOS



O Académico de Número Mauricio Alonso Troncoso impartiu unha conferencia maxistral, o pasado 5 de decembro de 2017, no Salón de Actos do Instituto de Enseñanza Secundaria de Fene (A Coruña), co título "Evolución Humana e Domesticación", dirixida a alumnas e alumnos de Bacharelato.

A conferencia versou sobre a evolución da especie humana como especie animal (hominización),  e a descrición dos primeiros Homo spp. que contribuíron a aparición de H. sapiens, xunto coa incrible odisea humana e o longo camiño percorrido desde a súa saída de África (a diáspora humana), e as distintas rutas migratorias colonizando o mundo. O impacto trascendental que supuxo a súa autodomesticación conxuntamente cos lobos arcaicos nos primeiros protocans. Produciu cambios definitivos en ambas especies (coevolución entre sí). Os cans poden ser mesmo o catalizador da nosa civilización.
A culminación disto, foi hai 12.000-10.000 anos, coa chegada da revolución Neolítica  e o xurdimento da agricultura e a gandería (a domesticación das especies), xunto co sedentarismo, o que favoreceu a súa auto-domesticación. Describiuse o proceso da domesticación e as súas características nas distintas especies animais, así coma os agriotipos das especies domesticadas máis coñecidas.
Alonso Troncoso fixo especial fincapé na importancia da biodiversidade e a variabilidade xenética dos animais domesticados e dos seus parentes salvaxes, favorecendo a capacidade de adaptación aos cambios ambientais e a súa evolución, ademais do enorme recurso que supoñen os animais salvaxes e a introdución da vida silvestre na gandería, co aproveitamento doutros nichos ecolóxicos e como novos recursos de proteínas.
Finalizou coa forma en que H. sapiens encare a súa evolución e o seu futuro co respecto ao cambio climático e que radica en asumir que a Natureza é un organismo vivo, un inmenso tecido vital ou un todo conectado; unha rede da vida global interconectada e da que o ser humano é unha parte da mesma, do mesmo xeito que calquera outro animal ou planta, ou anaco de roca e da cal non somos os señores da Natureza. A vida seguirá con ou sen H. sapiens.