Novo Académico Correspondente, HÉCTOR MARTÍNEZ

Héctor Miguel Martínez Sanz ingresou na Academia o pasado 1 de xuño

No Auditorio Municipal “Manuel Costa Casares” de Agolada (Pontevedra) tivo lugar a solemne Sesión pública de toma de posesión do novo académico correspondente, na tarde do xoves 1 de xuño de 2017.

Como preámbulo á sesión o Sr. Alcalde do Concello de Agolada, D. Ramiro Varela Peón e o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, D. Valentín García Gómez, deron unhas sentidas palabras de benvida.



A continuación abriu a sesión o novo Presidente da Academia, D. Antonio Crespo Iglesias, no seu primeiro acto oficial da corporación.


Héctor Martínez pronunciou o seu discurso de ingreso titulado: “As biotecnoloxías reproductivas como ferramenta eficiente na industria leiteira", no que fixo na súa primeira parte unha análise detallada da situación do sector leiteiro en Galicia e da evolución socioeconómica do rural galego.
Na segunda parte da súa exposición abordou con moita claridade as xeracións das tecnoloxías reprodutivas no gando vacún; inseminación artificial, transferencia embrionaria, fecundación in vitro, exemplos de como a profesión veterinaria estivo e está á altura das circunstancias aportando en cada momento as últimas biotecnoloxías en beneficio dos nosos gandeiros.


Aclarou que técnicas como a clonación, a produción de embrións a partir de células nai son xa unha realidade pero ainda é preciso continuar profundizando na súa investigación e na súa sistematización para que sexan aplicables na práctica. Concluiu que os avances da biotecnoloxía invítannos a soñar con novas posibilidades como a recuperación de especies xa extintas que ademáis dos problemas tecnolóxicos que supón, abre un importante debate social sobre aspectos legais, bioéticos e prácticos que haberá que resolver.

No transcurso da sesión, tomou a palabra o Académico de Número e ex-Presidente da Academia D. José Luis Factor Rodríguez para dar o discurso de contestación ao académico entrante, de quen tamén fixo un prolixo relato dos seus méritos académicos e tamén profesionais, no eido da buiatría na comarca do Deza, cunha traxectoria desde 1994, e tamén do seu perfil humano.

Rematou a sesión coa clausura do Presidente da Academia, D. Antonio Crespo Iglesias, cunhas emotivas palabras de agradecemento a José Luis Factor polo seu labor ao fronte da Academia e o seu labor profesional en Agolada como veterinaro titular. Para finalizar, deulle a benvida ao novo académico correspondente, louvou o seu perfil profesional e persoal e de quen esperou, que cos seus coñecementos no eido da xenética, a reproducción e a zootecnia, traballe arreo en prol da Academia.

 
Como colofón ao acto, realizouse unha degustación de produtos tradicionais das feiras gandeiras nos monumentais Pendellos de Agolada.

Ningún comentario: