Luis Couto, novo ACADÉMICO CORRESPONDENTE

 Luis Couto Lorenzo ingresou na Academia o pasado 29 de setembro

No monumental Pazo de Liñares en Lalín (Pontevedra) tivo lugar a Sesión solemne de toma de posesión do novo académico correspondente, na tarde do xoves 29 de setembro de 2016.


Couto Lorenzo pronunciou o seu discurso de ingreso titulado: “Os circuítos curtos de comercialización, unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento rural", no que fixo unha profunda análise deste tipo de comercialización que está a ser moi valorada pola sociedade. Lanzou unha inxección de esperanza que abre os ollos cara a novas posibilidades de comercialización dos produtos que con tanto esforzo e dedicación acadan os nosos labregos e gandeiros, posibilitando unha maior rendibilidade e viabilidade das súas explotacións.

O novo Académico no seu discurso, non se limitou a facer unha análise neutra da preocupante situación que ameaza o futuro do noso medio rural, senon que fai un concienzudo percorrido analizando as perspectivas de distintos sectores como o do leite, a carne, os ovos, o mel, os productos da horta, o viño ou a cervexa, despexando as claves para facilitar os circuitos curtos de comercialización de cada un deles, poñendo exemplos concretos que demostran que novas formas de comercialización son posibles e propoñendo solucións que nalgúns casos precisan incluso de cambios lexislativos que os nosos gobernantes non deberían obviar.

No transcurso da sesión, tomou a palabra o Académico de Número e Presidente da Academia D. José Luis Factor Rodríguez para dar o discurso de contestación ao académico entrante, de quen  tamén fixo un prolixo relato dos seus méritos académicos e tamén profesionais, no eido da saúde pública na comarca do Deza, con máis de vinte anos de traxectoria, e tamén do seu perfil humano.
 
Rematou a sesión coa clausura do Presidente da Academia,  e coa degustación de produtos (leiteiros, cárnicos, viños, cervexas artesás,...) da comarca que se están a comercializar por circuitos curtos.

Autoridades que asistiron á sesión



Ningún comentario: